Monday 06 de May de 2024

Todo apunto para a Romaría de San Xiao deste sábado, con ampliación do servizo de autobús incluída


• O evento arrincará ás 10:00 horas, con degustación de conservas e pasarrúas, e alongarase ata a madrugada

• Tras as dúas misas matutinas e a procesión, haberá varias sesións musicais e empanada gratuíta repartida polo Concello de Cariño

• Espérase a presenza de máis dun milleiro de persoas durante todo o día na contorna da capela

Cariño xa ten todo a punto para a Romaría de San Xiao do Trebo. Este sábado 27, coincidindo como é habitual co último do mes de xaneiro, a capela homónima e a súa contorna acollen a tradicional festividade. O evento arrincará ás 10:00 horas e, tras numerosas actividades lúdicas e relixiosas, finalizará xa na madrugada do sábado para o domingo.
A gran novidade deste ano é a aposta por parte do Concello de Cariño de ampliar o servizo de autobús, que partirá desde A Tortela ata o punto de celebración con viaxes entre as 10:00 e as 13:00, en horario matinal, e de 18:00 a 3:00 horas (do domingo) xa na franxa vespertina e nocturna.
“A diferenza doutros anos, apostamos por prolongar máis este servizo para limitar o uso de vehículos. Esta é unha celebración moi importante para Cariño. Moita xente tena marcada en vermello no seu calendario anual. Hai moitos desprazamentos e alóngase durante todo o día. Por iso mesmo, para minimizar a posibilidade de contratempos viarios entre a xente que non acode andando, apostamos por potenciar o transporte público”, explica a concelleira de Cultura, Laura García.
Deste xeito, o evento arrincará ás 10:00 horas cunha degustación de conservas por parte da Pureza e o pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xiao de Trebo. Media hora despois, ás 10:30 horas, comezará a primeira das dúas misas. A segunda eucaristía celebrarase ás 12:30. Unha vez finalizada, partirá a procesión en honra a San Xiao, acompañada pola Banda de Gaitas.
Tras os actos relixiosos, a comida e a música. De 13:30 a 14:30 horas terá lugar a Sesión Vermouth, amenizada polo Dúo Deluxe. Esa mesma agrupación repetirá actuación pola tarde, de 19:30 a 22:30 horas, tras a comida e o momento de confraternización entre familiares, amigos e veciños, que poderán gozar da degustación de empanada gratuíta ofrecida polo Concello.
A maiores, no espazo ofrecerase un servizo de bar, no que se recadarán fondos para a excursión de fin de curso dos alumnos de 4º de ESO do instituto da localidade.
“Este é un dos eventos máis importantes de Cariño. Unha celebración que se vive. Esperamos unha afluencia que supere o milleiro de persoas ao longo de todo o día e convidamos os veciños, veciñas e visitantes a gozar, sempre con respecto e moderación”, apunta García.